Tuesday 21 de May de 2024

Comeza o proceso para dotar ao municipio de novos contedores para a recollida de lixo mediante camións de carga lateral


ENTRE OUTRAS VANTAXES, O NOSO SISTEMA FARÁ QUE AS RUTAS SE COMPLETEN MÁIS RAPIDAMENTE AO DIMINUÍR O TEMPO DE VACIADO

Riveira vai comezar a vivir o proceso para a implantación dunha nova conterización no municipio no servizo de recollida de lixo. A partir desta noite e principiando polos ubicados no Malecón, os actuais contedores de 800 litros irán sendo suplantados progresivamente por outros que cuadriplican esta capacidade ata 3.200 litros, que serán recollidos por novos camións de carga lateral.

Cun investimento superior ao medio millóns de euros, o novo sistema de recollida desenvolvido pola concesionaria Recolte entrañará múltiples vantaxes: o proceso de vaciado será máis eficiente e rápido (50 segundos por elemento) o que significará completar as rutas en menos tempo; a maior capacidade evitará desbordes como os que se producen en certos puntos en épocas turísticas; os contedores carecen de sistema de rodadura, o que limitará o desprazamento dos mesmos por persoas non autorizadas ou pola acción do vento; os de fracción resto dispoñen dun pedal que fará máis hixiénico o depósito das bolsas ao non ter que abrilos coas mans; e, ademais, como os camións de carga lateral precisan menos persoal isto favorecerá que se poidan destinar traballadores a outras tarefas, sobre todo a limpeza viaria.

654 contedores
En total serán 654 os novos contedores instalados, dos cales 312 corresponderán a residuos sólidos urbanos, 176 a envases e 166 a cartón. Ademais, cos substitución rexistrarase no concello un considerable aumento na capacidade global, especialmente no que se refire ao cartón que é onde máis desborde se ten detectado. Así, en fracción resto pásase dun total de 766.000 litros a día de hoxe a 900.000; en envases de 322.000 a 544.000 e en papel/cartón de 78.000 a 480.000 litros.

Cómpre matizar que non todos os contedores existentes no municipio serán substituídos xa que existen zonas nas que as características da vía ou rúa impiden que poida operar un vehículo de carga lateral (máis alto e ancho que o clásico camión con volcador traseiro), co que se seguirá empregando o método tradicional.

Complementando á nova conterización, haberá tres camións de carga lateral funcionando no municipio (inicialmente haberá tamén un cuarto mentres non se complete o proceso de transición).